DECLARACION DE ZONA AFECTADA POR EMERXENCIA
AS
DEPUTACIÓNS DE LUGO, PONTEVEDRA E A CORUÑA SATISFEITAS AO ASUMIR O
ESTADO A DECLARACIÓN DE ZONA AFECTADA POR EMERXENCIA, TAL E COMO
ESIXIRON ONTE INSTITUCIÓNS PROVINCIAIS E CONCELLOS
- Campos, Silva e
Formoso reclaman agora que a declaración das zonas afectadas polos
lumes se tome “sen máis dilación” no Consello de Ministros do
venres, e á Xunta a decidir un protocolo de coordinación, un mando
único e un novo sistema de alarmas
- A Presidenta e os Presidentes
provinciais celebraron tamén que se atendese a demanda da estratexia
nacional contra o cambio climático e un novo modelo de política
forestal, que hoxe anunciou a Ministra Tejerina
A Presidenta da Deputación de
Pontevedra, Carmela Silva, o Presidente da Deputación de Lugo, Darío
Campos, e o Presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso,
amosaron hoxe a súa satisfacción trala reunión para a avaliación
das gravísimas consecuencias provocadas pola vaga de lumes,
convocada pola Delegación do Goberno, tras a confirmación de
que o Estado declarará a Galicia zona afectada gravemente por unha
emerxencia de protección civil, tal e como solicitaron onte as tres
deputacións e os concellos afectados.
A presidenta pontevedresa, Carmela
Silva, que exerceu de portavoz, sinalou que “aínda que estamos moi
satisfeitos porque atenderon as nosas demandas, esiximos que
sexa no Consello de Ministros do próximo venres cando se faga esta
declaración, xa que levamos nove días con gravísimos danos e os
concellos afectados non poden esperar máis para que cheguen as
axudas”
A presidenta lembrou que “a
aplicación desta lei é algo habitual e non é a primeira vez”.
Deste xeito, referiuse ao mes de decembro de 2016, cando “só
seis días despois das chuvias torrenciais en diversas provincias
andaluzas e na Comunidade de Valencia, o Consello de Ministros fixo
esta declaración”.
Por iso, as tres deputacións
reclamaron “a inmediatez da súa aplicación en Galicia, sen ter
que agardar a ter todos os datos de afeccións, exactamente igual ao
que ocorreu cando se tomou esa decisión en Valencia e Andalucía”.
Do mesmo xeito, Carmela Silva, Valentín Formoso e Darío Campos
instaron a que “se contemplen todo tipo de axudas como ocorreu nese
caso, onde todos os ministerios aportaron recursos, xa que deste
xeito estaría cuberto un montante moi importante das consecuencias
que sufriron os veciños e concellos en todas as provincias onde se
produciron os lumes”.
Silva engadiu que “a lei 17/2015
establece con claridade que, fronte a este tipo de catástrofes, hai
axudas de todo tipo”, isto é, “por danos persoais, materiais, en
vivenda habitual e bens de primeira necesidade, aos establecementos
industriais, mercantís, agrarios, marítimos,
pesqueiros e turísticos e tamén as
compensacións ás corporacións locais polos gastos derivados de
actuacións inaprazables, así como medidas tanto tributarias como da
seguridade social”.
Ademais, os e as dirixentes provinciais
tamén solicitaron que, canto antes, se coñeza a cifra real das
hectáreas queimadas, “porque consideramos que son moitas
máis que 35.500 e, malia que a conselleira de Medio Rural xa dixo
que se trataba dunha estimación e que se vai facer un estudo
perimetral, precisamos dispoñer dos datos que nos permitirán tomar
decisións, non só a nós, senón a todas as administracións”.
Na reunión “tamén coñecimos o
conxunto de medidas que vai levar a cabo a Xunta de Galicia, as que
se tomaron e as que se aprobarán na lei de acompañamento, onde a
propia conselleira tamén nos animou a presentar medidas adicionais”,
sinalaron, ademais de “outro tipo de axudas directas que anunciou o
vicepresidente da Xunta e que son as que vimos reclamando desde o día
seguinte aos lumes, tanto as Deputacións como os alcaldes e
alcaldesas dos concellos afectados”.
A Presidenta e presidentes provinciais
tamén mostraron a súa satisfacción tras o anuncio hoxe mesmo
da Ministra Tejerina da posta en marcha dunha estratexia nacional
contra o cambio climático, “unha demanda que faciamos onte mesmo e
que consideramos fundamental porque o cambio climático e a seca
chegaron a Galicia para quedar”. Po iso instaron igualmente á
Xunta e ao Estado “a cambiar o modelo da política forestal,
consensuado tanto coas comunidades autónomas como cos concellos”.
Silva, Campos e Formoso si trasladaron
á necesidade de cambiar os modelos de coordinación e
protocolos. “Estamos moi preocupados. É evidente, e dino os
propios alcaldes e alcaldesas que son quen o sufriron en primeira
persoa, que houbo unha descoordinación e que as cousas non
funcionaron”.
As deputacións solicitan “un mando
único para o conxunto de rexedores e rexedoras locais cando se
produzan este tipo de catástrofes, que poidan ter un teléfono ao
que dirixirse, que se establezan medidas claras de como actuar ante
estas situacións porque non teñen autoridade para poñer en marcha
medidas nin tan sequera teñen directrices, cousa que a poboación
tampouco, poñendo en risco as súas vidas”. Ademais, solicitaron
“un novo sistema de alarma que permita que se poidan tomar medidas
axeitadas, é necesario crealo porque vimos como o 112 se colapsou
durante eses días”.
Por último,
Carmela Silva, Valentín Formoso e Darío Campos fixeron “un
recoñecemento aos alcaldes e alcaldesas de todas as
provincias, que cando se iniciaron estes tremendos incendios estaban
a pé de rúa, polo que os e as temos que recoñecer, ao
igual que á veciñanza e aos corpos de seguridade, pero a elas e a
eles particularmente porque sen recursos nin medios técnicos,
humanos e económicos saíron a pelexar contra algo tan duro como son
os lumes”.
Comentarios
Publicar un comentario