Deputación
e USC asinan o convenio de 2 millóns para a construción da Granxa
Experimental do
Campus
Terra
-
Campos Conde e Viaño Rey presentaron este proxecto tras asinar o
convenio mediante o cal a Deputación achega 1,3 millóns para as
obras e a USC 745.000 euros para o equipamento dunhas instalacións
públicas e pioneiras na provincia de Lugo
- Construiranse 5 estruturas de
4.400 m2 nunha finca provincial de 30 h. na Granxa Gayoso Castro:
nave para 70 vacas, nave para maquinaria, edificio de prácticas con
aulas para 40 alumnos e laboratorio para 20 investigadores, fosa de
purín ou silos
-
As obras, en fase de contratación, comezarán no primeiro trimestre
do vindeiro ano para que a Granxa Experimental do Campus Terra
funcione no curso académico 2018-2019 e a Facultade de Veterinaria
renove a súa acreditación europea
O Presidente da Deputación, Darío
Campos Conde, e o Reitor da Universidade de Santiago de Compostela,
Juan Viaño Rey, asinaron este luns o convenio de colaboración para
a construción da Granxa Experimental do Campus Terra. Campos
e Viaño informaron sobre o proxecto nun acto no que tamén
participou o Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier
Bueno Lema; o Director da Escola Politécnica Superior, Tomás Cuesta
García, e o Decano da Facultade de Veterinaria en Lugo, Germán
Santamarina Pernas.
Este proxecto está dotado de 2 millóns
de euros: 1,3 millóns achégaos a Deputación para as obras e
740.000 euros a USC para o equipamento. Campos Conde explicou que
“temos en marcha o proceso de contratación das obras de 1,3
millóns de euros, estando aberto o prazo de presentación de
ofertas ata o 12 de decembro. A previsión é iniciar os traballos de
construción no primeiro trimestre do 2018 e que estas instalacións
públicas estean en funcionamento no curso académico 2018-2019”.
Estarán listas, polo tanto, para cando a Comisión da European
Association of Establishments for Veterinary Education (EAEVE)
visite a provincia para renovar a distinción internacional da
Facultade de Veterinaria.
“A Granxa Experimental do Campus
Terra terá como obxectivos avanzar na redución dos custos de
produción do leite, así como na automatización e na incorporación
das novas tecnoloxías a este proceso. Con
isto pretendemos combater uns dos principais problemas que sofre o
sector lácteo: os baixos prezos do leite, e a falta de man de obra e
de calidade de vida dos seus profesionais”, subliñou o Presidente.
Viaño Rey destacou que “o convenio
que asinamos hoxe fai realidade unha demanda histórica do Campus
Terra, que é a de establecer unha granxa experimental de leite que
dea resposta ás necesidade docentes e investigadores dos dous
centros que máis definen esencialmente o universidade lucense:
Veterinaria e Politécnica. Isto é posible grazas ao apoio e
compromiso da Deputación que, unha vez máis, amosa o seu compromiso
coa Universidade”.
“Esta nova infraestrutura axuda a
reforzar o papel do Campus Terra como unha referencia internacional
da xestión sostible dos recursos da terra. A colaboración entre
ambas administracións aposta unha vez máis pola innovación e o
coñecemento que axudarán a que o sector produtor de leite, tan
importante para a economía de Lugo e de Galicia, sexa máis
eficiente e teña máis futuro, nun mercado cada vez máis global e
competitivo”, apuntou o reitor.
Características
O Presidente da Deputación apuntou que
“a Granxa Experimental do Campus Terra é un proxecto totalmente
pioneiro na provincia, pois implica a dotación dunhas instalación
públicas ao servizo do Campus Terra, nas que profesionais e alumnos,
especialmente da Escola Politécnica e da Facultade de Veterinaria,
poderán realizar actividades docentes e proxectos de investigación
no sistema de produción leiteira, que revertan na mellora da
competitividade das explotacións lácteas”.
Tal e como se apunta nas infografías
(axúntase imaxe), son 5 as estruturas que se construirán dun total
de 4.400 metros cadrados, nunha finca da Granxa Gayoso Castro de 30
hectáreas, que servirá para producir, por exemplo, forraxe para os
animais. Estas son:
1.- Nave de Gando de Leite, de 2.500
metros cadrados, que acollerá unhas 70 vacas en produción.
Está composta por dous módulos de cubículos, dispostos cola
con cola,
entre os cales existe un corredor de
limpeza. Disporá tamén unha zona para vacas secas con 17 cubículos.
Toda esta infraestrutura estará equipada con sistema de muxidura
automático, lazareto, parideiras, leitería, arrobadeiras de
cable...
2.- Nave de Maquinaria, de 500 metros
cadrados, para gardar a maquinaria. Tamén haberá un taller para
realizar o mantemento das propias máquinas, zona de lavado e
combustible.
3.- Edificio de Prácticas, de 400
metros cadrados, que poderá acoller a un total de 60 persoas, 40
alumnos na aula, e 20 investigadores e docentes no laboratorio.
4.- Fosa de Purín, que terá unha
profundidade de 2 metros e unha capacidade total de 1050 m3, irá
cuberta con lona de seguridade impermeable construída a base dunha
trama de poliéster revestida con lámina de PVC nas dúas caras.
5.- Creación de 2 silos de formigón
armado de 35x8. Terá unha capacidade total de 560 metros cúbicos e
disporá dun sistema propio para recoller os lixiviados e destinalos
á fosa de purín.
A Granxa Experimental de Leite cubrirá
unha parte importante de veterinaria e politécnica. Profesorado,
alumnado e docentes de Veterinaria, poderán realizar prácticas de
diferentes materias de veterinaria, enxeñería agrícola e
alimentaria; máster de enxeñeira agronómica e máster de produción
de leite, cun enfoque máis profesional e práctico en aspectos como
manexo sanitario, podoloxía, alimentación, benestar, calidade do
leite ou produción agraria. Tamén se desenvolverán actividades de
investigación en temas de interese para o sector e actividades de
formación continua para profesionais do sector e gandeiros.
Nacemento do proxecto
Este iniciativa nace no 2015 cando,
ante a desaparición do sistema de cotas lácteas da Unión Europea,
cando o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, propuxo ao
Campus de Lugo reorientar a finalidade da Unidade de Leite da Granxa
Gayoso Castro, onde os alumnos de Veterinaria xa realizan as súas
prácticas, reconverténdoa nun centro experimental, exclusivamente
ao servizo de estudantes e investigadores, no que desenvolver
proxectos no eido da innovación que revertan no impulso do sector
lácteo. Tras avaliar a posibilidade de aproveitar estas instalacións
e constatar que era máis custosa a súa reforma que unha nova
instalación, elaborouse o proxecto presentado hoxe.
Comentarios
Publicar un comentario