NOVAS DIPUTACION PROVINCIAL


A Deputación ofrece a maiores 51 obradoiros gratuítos sobre novas tecnoloxías con 731 prazas



- O Presidente presentou a programación de cursos e obradoiros para o 1º trimestre de 2018 do In Lugo, nun encontro na capital con ducias de usuarios

- Hai cursos básicos sobre o uso de Internet e móbiles ou talleres máis específicos como os de banca electrónica, Messenger, Whatsapp, retoque fotográfico....

- Aberta a solicitude en www.fundaciontic.org, www.deputacionlugo.gal e 982-22-51-86. No 2017, as prazas esgotáronse en horas e a participación superou as 2.500 persoas



O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto á Concelleira de Benestar Social de Lugo, Ana González Abelleira, presentou este xoves as actividades do In Lugo para o primeiro trimestre do 2018, que inclúe 51 cursos e obradoiros sobre novas tecnoloxía cun total de 731 prazas, dirixidas todas elas a maiores da provincia. Campos Conde deu conta da nova programación do que é o 1º centro de innovación social de Galicia nas instalacións do mesmo, na capital luguesa, nun encontro cos ducias de usuarios.



A Deputación, a través da TIC, renova o seu compromiso cunha actividade que vai moito máis alá da formación. O fomento do uso das novas tecnoloxías entre os maiores da provincia desempeña un importante labor social do que me sinto especialmente satisfeito. Ademais, vese reflectido na alta demanda, xa que as diversas actividades organizadas en 2017 superaron os 2.500 usuarios”.



O Presidente subliñou a utilidade das novas tecnoloxías e apuntou que “axúdannos no noso día a día e permiten que esteamos en contacto cos nosos seres queridos e coa sociedade en xeral, algo especialmente importante cando nos imos facendo maiores, porque promoven un envellecemento activo e favorecen a nosa autonomía”.



Campos dixo aos usuarios que asistiron ao acto que “sodes a mellor proba de que aprender non ten idade, e todo un exemplo para aquelas persoas que cren que son demasiado maiores para introducirse neste mundo. Por iso anímoas a que venzan eses medos e comproben por elas mesmas que o uso de Internet ou dos móbiles é moito máis doado do que parece”.



Novidades da programación

Das 51 actividades que inclúe a programación do primeiro trimestre, 28 serán cursos ordinarios. “Haberá, coma sempre, cursos básicos de uso de Internet ou móbil para aqueles que estean empezando. Entre as novidades destacan obradoiros máis específicos, como os de banca electrónica ou talleres de mensaxería como Messenger ou Whatsapp. Tamén se incrementará o número de talleres dedicados ao retoque fotográfico, unha das actividades máis demandadas polos usuarios”, apuntou o Presidente.



Os outros 23 cursos serán de repaso. “Neste caso están especialmente destinados aos maiores que xa participaron nos cursos habituais. O obxectivo é refrescar o aprendido, polo que teñen uns contidos moi prácticos”.



Xa está aberto o prazo de inscrición

O máximo responsable provincial anunciou que o prazo de inscrición para o primeiro trimestre se abre este mesmo xoves, 11 de xaneiro, e animou aos interesados “a que se apunten canto antes xa que as prazas soen cubrirse ás poucas horas. De feito, en 2017 houbo máis do dobre de inscritos que de prazas”. Poden apuntarse a través das webs www.fundaciontic.org e www.deputacionlugo.gal ou chamando ao teléfono 982 225 186.


-----------------------------------------------------------------


A Deputación renova en Viveiro con 160.000 euros a rúa Lodeiro onde se sitúa o PAC, Correos ou a gardería municipal





- O Presidente e a Acaldesa supervisaron as melloras nesta céntrica rúa con moito tránsito onde se atopa o centro de saúde e PAC dos 18.000 veciños de Viveiro, Ourol e O Vicedo, a oficina de Correos referencial da zona, a gardería municipal que conta cuns 100 nenos, ducias de establecementos comerciais ou hostaleiros e vivendas


- Os traballos consisten na pavimentación de toda a vía, dotación de novas beirarrúas, alumeado público e mobiliario urbano, e na mellora do saneamento e sinalización


- Estas actuacións suporán a remodelación integral deste espazo público e a mellora de accesibilidade ao mesmo, así como ao casco histórico que está a carón, beneficiando aos milleiros de persoas que o transitan a diario





O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, xunto á Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, supervisaron este xoves as obras de renovación integral da rúa Lodeiro, situada no centro da localidade viveirense, que financia na súa totalidade o Goberno Provincial con 162.000 euros e executa o Concello.





Trátase dunha céntrica rúa que rexistra moito tránsito, pois nela sitúanse servizos públicos fundamentais como o centro de saúde e PAC, que atende aos máis de 18.000 veciños de Viveiro, Ourol e O Vicedo; a oficina de Correos referencial para os cidadáns de Viveiro, Ourol, O Vicedo e Xove; a gardería municipal que acolle a uns 100 nenos, así como ducias establecementos comerciais e hostaleiros, ademais de vivendas.





Os traballos consisten na pavimentación integral dos preto de 400 metros da vía cunha capa de 6 centímetros de rego asfáltico en quente; a dotación de novas beirarrúas e remodelación das existentes con baldosas de pizarra negra e granito gris; a substitución do alumeado público con luminarias de 5 metros de altura e de baixo consumo que permitirán un aforro económico ao Consistorio; a mellora e conexión dos servizos de saneamento pluviais e fecais existentes do callejón “Machuco”; o pintado das marcas viais de tráfico e a dotación de novo mobiliario urbano como papeleiras e bancos.





O conxunto destas obras, que teñen un prazo de execución de 3 meses, condicionado ás condicións climatolóxicas, permitirán a remodelación e renovación integral de todo o contorno desta zona urbana, así como mellorar á accesibilidade ao mesmo aos milleiros de persoas que o transitan, así como ao casco histórico, pois está a carón.


----------------------------------------------------------------------------------



O Goberno da Deputación concede 22.000 euros a 30 asociacións culturais para promocionar a artesanía





O Boletín Oficial da Provincia publica este xoves a listaxe das asociacións beneficiarias das subvencións de concorrencia competitiva que ofreceu o Goberno da Deputación para a celebración de actividades que fomenten e promocionen a artesanía





O Boletín Oficial da Provincia publica este xoves a listaxe das asociacións beneficiarias das subvencións de concorrencia competitiva que concede o Goberno da Deputación ao tecido asociativo para a celebración de actividades que fomenten e promocionen a artesanía. Son un total de 30 colectivos os que se beneficiaron das axudas de 22.000 euros.










En total son 30 as asociacións beneficiadas desta subvencións que van dende os 300 a 1.000 euros para a promoción da artesanía na provincia, concedidas en réxime de concorrencia competitiva. Con estas axudas pódense sufragar demostracións de artesanía como a talla de madeira, así como feiras, obradoiros, e cursos de coiro, barro, tear, cantería, encaixe, serigrafía, tapizado, entre outros. Nestas axudas primáronse as actividades que fomentan a igualdade de xénero, á terceira idade, á persoas con capacidades diferentes e con valores interxeracionais.



---------------------------------------------------------------------------------



A Deputación contribúe á actividade deportiva de todos os equipos lucenses de 1ª e 2ª División con 470.000 euros





O Goberno Provincial resolveu as axudas de 470.000 euros para o Burela FS Pescados Rubén, o Prone Lugo, o Club Perruquería Mixta Friol, o CB Durán Maquinaria Ensino, e o Club Voleibol Emeve





O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a resolución da liña de axudas de 470.000 euros que o Goberno da Deputación destina aos 5 equipos da provincia que compiten en Primeira ou Segunda División Nacional e non son Sociedades Anónimas Deportivas. Deste xeito, a distribución do orzamento, que acada os 470.000 euros, é a que sigue:





- 153.927,00 euros para o Burela FS Pescados Rubén, un club referencia en España pois contan con equipo masculino e feminino na elite do Fútbol Sala Nacional.


- 128.272,00 para o Prone, que conta cunha dilatada historia na máxima categoría do fútbol sala nacional. É unha entidade recoñecida internacionalmente, que ten unha forte aposta pola canteira, especialmente, na cidade de Lugo.


- 36.000,00 euros para o Club Perruquería Mixta Friol, que é un claro exemplo de integración e igualdade deportiva. É o único equipo de fútbol feminino nesta categoría.


- 75.700,00 euros para o CB Durán Maquinaria Ensino, que é outro exemplo de igualdade deportiva. O Club está moi preto de cumprir catro décadas formando a numerosas promocións de xogadoras da provincia e manténdose durante este tempo na elite do deporte.


- 76.101,00 euros para o Club Emeve, que é a referencia do voleibol da provincia, un club que loita a diario para dar a coñecer e potenciar este deporte entre a sociedade.



---------------------------------------------------------------------------------



O Goberno da Deputación concede 45.000 euros a pilotos de rali lucenses




O Boletín Oficial da Provincia publica este mércores a listaxe dos 16 profesionais que resultaron beneficiados destas axudas de concorrencia competitiva, é dicir, ás que puideron optar todos os interesados, dotadas dun total de 45.000 euros





O Goberno da Deputación resolveu este xoves a programación de axudas para pilotos de rali da provincia de Lugo, dotada con 45.000 euros. O BOP publicou hoxe a listaxe dos 16 profesionais lucenses que resultaron beneficiados destas axudas de concorrencia competitiva, é dicir, ás que puideron optar todos os interesados que participaron na modalidade de rali de asfalto, terra ou montaña na anualidade 2017. A listaxe completa de beneficiarios pódese atopar no seguinte link: http://www.deputacionlugo.org/portal_localweb_ag/RecursosWeb/DOCUMENTOS/1/0_17535_1.pdf#page=4





En total son 16 os pilotos beneficiarios destas subvencións, que van dende 764 euros ata 7.000 euros, concedidas en réxime de concorrencia competitiva. Con estas axudas poderanse sufragar gastos federativos da actividade competitiva, gastos de inscrición para competicións ou probas oficiais, gastos pola compra ou aluguer do vehículo de competición, gastos de transporte do vehículo e material de competición, así como gastos da adquisición de pneumáticos do vehículo.


----------------------------------------------------------------------------



A Deputación aumenta aos 51.500 euros a axuda á ASPANANE

e reforza o único centro ocupacional para discapacitados intelectuais da Mariña Occidental



- O Presidente e a Alcaldesa de Viveiro supervisaron as obras realizadas con fondos da Deputación nunhas instalacións que o Concello ten cedidas a ASPANANE. “Conxuntamente, chegamos ás 50 prazas no centro ocupacional”, destacou Campos

- Con estes fondos, renovouse a fachada do edificio principal e unha nave que esta en desuso, acondicionando todo o seu interior. Fíxose a división de espazos, traballos de electricidade e fontanería, ademais de substituírse o pavimento de todo o chan

- Con esta nave, gáñanse 400 m2. Nas vindeiras semanas, cando se sitúe o equipamento que este colectivo adquiriu cunha axuda de 9.000 euros a través da Asociación Terras de Miranda, estará a pleno rendemento



O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto á Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, e á Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, informou este xoves que o Goberno Provincial vén de incrementar a súa axuda á ASPANANE ata os 51.500 euros para reforzar o servizo de Centro Ocupacional que este colectivo ofrece en Viveiro a persoas con discapacidade intelectual, sendo as únicas instalacións da Mariña Occidental con esta prestación.



Campos Conde destacou que “Deputación e Concello somos as únicas administracións públicas que colaboramos con ASPANANE, sumando esforzos con este colectivo co obxectivo de ofrecer un servizo imprescindible para ducias de familias da Mariña, que non ofrecen as institucións coas competencias na materia. Conxuntamente, chegamos ás 50 prazas no centro ocupacional. É dicir, facemos posible que 50 veciños con discapacidade intelectual reciban a atención diaria e profesional que requiren”.



Neste senso, o Presidente explicou que ASPANANE ofrece a veciños con discapacidade intelectual unha atención profesional diaria (tanto aos propios afectados como as súas familias) e múltiples actividades que favorecen a súa integración social e laboral. Por exemplo, obradoiros de carpintería, serigrafía, tampografía... así como iniciativas deportivas, culturais ou lúdicas.



Todo isto nunhas instalacións municipais que o Concello de Viveiro decidiu ceder gratuitamente a este colectivo para contribuír á prestación deste servizo único en toda a Mariña Occidental, que non ofrecen as administracións coas competencias na materia e por iso o fai esta asociación sen ánimo de lucro, que integran xa 224 familias (Asociación de Pais de Nenos e Adolescentes con Necesidades Especiais).



Actualmente, son 35 os veciños de Ourol, Viveiro, O Vicedo, Xove e Foz que acoden diariamente ao centro ocupacional que ofrece ASPANANE en instalacións municipais, habendo listaxe de espera. Por este motivo, a Deputación decidiu financiar na súa totalidade as obras necesarias para poder incrementar este servizo noutras 15 prazas, chegando ás 50. Fíxoo con 51.500 euros.



Con estes fondos, en primeiro lugar renovouse a fachada do edificio onde se sitúa o centro ocupacional, poñendo fin ás filtracións de auga e goteiras e mellorando o illamento. Para gañar novo espazo, a continuación iniciouse o acondicionouse do interior da nave contigua a estas instalacións, que estaba en desuso. Fíxose a división de espazos, así como os traballos de electricidade e fontanería. Finalmente, substituíse o pavimento de todo o chan. Nesta nave renovada de 400 metros cadrados situaranse as salas de uso múltiples e descanso, aulas para a celebración de obradoiros, ademais das dependencias dos 21 profesionais que traballan neste colectivo (traballadores sociais, psicólogos, fisioterapeutas, persoal de cociña ou limpeza...).



Ademais de ampliar as prazas, con estas obras o Goberno da Deputación consegue que as instalacións de ASPANANE se adapten ao novo Decreto 149/2013 que aprobou a Xunta de Galicia, permitindo a continuidade deste servizo.



Hoxe Campos Conde, Loureiro García, López Izquierdo e membros de ASPANANE comprobaron o resultado do conxunto de traballos. A día de hoxe, está en funcionamento unha parte da nave. Nas vindeiras semanas espérase o seu pleno rendemento, pois ASPANANE vai a situar o equipamento necesario. Para a súa compra, este colectivo conseguiu unha axuda de 9.000 euros a través da Asociación Terras de Miranda.


Comentarios

Entradas populares de este blog

XORNADAS MICOLÓXICAS IES DE FOZ

BINGO ACIA FOZ