O Goberno da Deputación dotará dun novo céspede ao campo de fútbol Martínez Otero de Foz
- O Executivo Provincial investirá
100.000 euros nas melloras desta infraestrutura deportiva que
consistirán na renovación do céspede natural. Realizaranse
traballos de levantamento do campo, así como a renovación da herba
natural
- O Presidente avanzou que “somos
a institución galega que máis inviste en deporte na provincia. Só
en instalacións deportivas, levamos 2,9 millóns. Facémolo en
solitario. A Xunta non inviste nin un só euro en Lugo pero si 1
millón en Ourense”
- Nestas instalacións, que están
cedidas polo Colexio Martínez Otero ao C.F. Foz, adestran máis de
300 rapaces das categorías de infantil, cadetes, xuvenís e sénior,
ademais dos alumnos das Escolas Deportivas da vila e os do Colexio
- Con esta nova inversión, o
Executivo achega un total de 223.000 euros ao Concello de Foz para
promover a práctica deportiva no municipio mariñán, coa
construción do novo hangar de piraguas, axudas aos diferentes clubs,
e a organización de eventos
O Presidente da Deputación, Darío
Campos Conde, avanzou que o Executivo Provincial achega un
investimento de 100.000 euros para dotar dun novo céspede natural ao
campo de fútbol Martínez Otero de Foz, onde realizan os
adestramentos todas as categorías deste club e que empregan máis de
300 rapaces da vila, xa que tamén adestran as Escolas Deportivas e
os alumnos do Colexio. Campos Conde fixo este anuncio tras visitar
estas instalacións deportivas acompañado do Presidente do Club
Deportivo Foz, José María García Rivera.
“Con estas actuacións, levamos
achegado, no último ano e medio, case 2,9 millóns de euros á
mellora de infraestruturas deportivas. Así, só na modalidade de
fútbol xa actuamos en 14 campos da provincia. Somos a administración
galega que, sen dúbida, máis inviste en deporte na nosa provincia,
a pesar de non ser a institución coas competencias directas na
materia, nin, moito menos, a de máis fondos públicos, pois esta é,
en todos os casos, a Xunta de Galicia”, destacou.
O Presidente explicou, que “nestas
instalacións, que están cedidas polo Colexio Martínez Otero ao
C.F. Foz, adestran máis de 300 rapaces das categorías de infantil,
cadetes, xuvenís e sénior, ademais dos alumnos das Escolas
Deportivas da vila e os do propio Colexio”. Lembrou que “este
novo equipamento é unha demanda dos colectivos que usan estas
instalacións a cotío”.
Axudas de 223.000 euros
para actividades deportivas en Foz
O Presidente remarcou que “con esta
nova inversión de 100.000 euros, dende o Executivo Provincial xa
temos achegado un total de 223.000 euros ao Concello de Foz para
promover a práctica deportiva neste municipio. Así, levamos a cabo
en solitario, cunha inversión de 100.000 euros, o proxecto de
construción do novo hangar de piraguas, que xa se atopa a pleno
rendemento. Ademais, colaboramos cos diferentes clubs da vila con
14.000 euros, e promovemos actividades e eventos deportivos no
municipio con 9.000 euros”.
O Goberno da Deputación, a través das
axudas dirixidas a clubs deportivos da provincia, achegou 14.000
euros ao Club Kayak, o CD Foz, o Club Ciclista Foz, a Asociación
Deportiva Santiago de Foz, o Club de Tenis, e o Club de Baloncesto
Celtas de Foz. Ademais, na liña dirixida á organización de
eventos, o Executivo concedeu 5.000 euros ás entidades deportivas da
localidade para a organización do Torneo Costa Nova de fútbol, a 6ª
regata da Copa Deputación de piragüismo, un curso de iniciación á
pesca, a Carreira Popular de Foz, a Ruta BTT Pico da Lebre, a
carreira popular 77 Anos Martínez Otero, e o Torneo Vila de Foz de
tenis e pádel.
Finalmente, o Executivo colaborou co
Concello na organización das noites alternativas deportivas, cunha
achega de 4.000 euros, que inclúen a celebración de torneos de
fútbol sala, fútbol praia, kayak e a noite do patín.
Comentarios
Publicar un comentario