O IES DE FOZ GAÑA O I CERTAME ESCOLAR INTERNACIONAL DE PODCASTS EN GALEGO XOSÉ MOSQUERA

O IES DE FOZ GAÑA O I CERTAME ESCOLAR INTERNACIONAL DE PODCASTS EN
GALEGO XOSÉ MOSQUERA
 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, fíxolle entrega do premio
nun acto celebrado este serán no Museo do Pobo Galego
 As gravacións presentadas ao certame, convocado pola Consellería de Cultura e
Turismo e o IES Rosalía de Castro en colaboración con Arraianos Producións,
debían versar sobre a vida ou a obra de Antonio Fraguas
Santiago de Compostela, 28 de maio de 2019 .- O secretario xeral de Política Lingüística,
Valentín García, entregoulle este serán o premio do I Certame Escolar Internacional de
Podcasts en Galego Xosé Mosquera a alumnado do IES de Foz polo seu traballo Antón
Fraguas en directo. No mesmo acto, foi distinguido cun accésit o IES Pedras Rubias de
Salceda de Caselas e cunha mención especial o CEIP Nicolás del Río de Cedeira.
Valentín García felicitou os premiados e considerou que “o gran profesor que foi Antonio
Fraguas valoraría con entusiasmo a creatividade que expresades nun galego de calidade
nestes traballos con que contribuídes a honralo o ano en que se lle dedica o Día das Letras
Galegas”.
Xunto co secretario xeral de Política Lingüística participaron na entrega dos premios Justo
Beramendi, presidente da Fundación Antonio Fraguas Fraguas; Víctor F. Freixanes,
presidente da Real Academia Galega (RAG); Xavier Mouriño, director do IES Rosalía de
Castro de Santiago, e Aser Álvarez, director de Arraianos Producións.
Alta participación e calidade
Un total de 40 gravacións con relatos radiofónicos centrados no autor a quen se lle dedica o
Día das Letras Galegas, Antonio Fraguas, optaron ao I Certame Escolar de Podcasts Xosé
Mosquera, organizado pola Consellería de Cultura e Turismo e o IES Rosalía de Castro en
colaboración con Arraianos Producións e apoiado polas fundacións Antonio Fraguas
Fraguas e Rosalía de Castro, a RAG, o colectivo Ponte nas Ondas, a Radio Galega e a
Escola Superior de Arte e Deseño Mestre Mateo.
O xurado deste certame dirixido a alumnado da ESO e de 5º e 6º de primaria destacou, a
canda a alta participación, o nivel dos podcasts presentados a concurso. Entre eles
seleccionou, polo seu carácter innovador e pola súa especial calidade, tanto na lingua coma
no estilo narrativo, o podcast titulado Antón Fraguas en directo, do alumnado de 1º da ESO
do IES de Foz, centro que recibirá 1.000 euros, diploma e unha escultura do Vello dos
Contos feita por estudantado da ESAD Mestre Mateo.
Ademais deste premio, o xurado decidiu outorgarlle un accésit ao traballo Polo río abaixo
hai... do alumnado de 2º da ESO do IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas e facer unha
mención especial ao podcast Antonio Fraguas do alumnado de 6º de primaria do CEIP
Nicolás del Río de Cedeira. Ambos os centros educativos recibirán un diploma, unha
escultura e cadanseu lote de libros.


Antonio Fraguas, Xosé Mosquera e a radio
O historiador e etnógrafo Antonio Fraguas, a quen este ano se lle dedicou o Día das Letras
Galegas, foi un dos impulsores da radio en galego e compartiu experiencias de teatro
radiofónico con Xosé Mosquera. Este foi o creador e intérprete do personaxe O Vello dos
Contos, co que fixo campaña a favor do Estatuto de autonomía para Galicia na emisora
Unión Radio Galicia (1932-1936). Durante a posguerra, foi impulsor da Casa-Museo Rosalía
de Castro e fundador e presidente da súa Fundación, así como académico correspondente
da RAG.

Comentarios

Entradas populares de este blog

XORNADAS MICOLÓXICAS IES DE FOZ

BINGO ACIA FOZ

ORDE DO DIA PLENO .